Comité Galego do PCE (m-l)
A cidadanía de Galicia está chamada a votar o 18 de Febreiro para renovar o Parlamento Galego. Tras 14 anos dende que o PP recuperara o goberno da Xunta, o seu actual presidente, Alfonso Rueda, anunciou o pasado 21 de Decembro o adianto dos comicios no noso país, decisión que se enmarca no crecente desgaste das dereitas e das «esquerdas» institucionalistas ao servizo do rėximen.
A maioría traballadora galega sufrimos durante décadas a destrucción de sectores claves da nosa economía, como o naval e outros sectores do metal e da industria en xeral, a perda de actividade e emprego na pesca e na agricultura, os recortes e privatizacións nos servizos públicos como o SERGAS, e o recorte e mesmo supresión de axudas ás persoas sen medios de vida, perceptoras de subsidios ou con salarios baixos.
Pero estas politicas capitalistas non son aplicadas só polo goberno autonómico do PP, senón que, -todos eles subordinados aos dictados da troika-, tamén son compartidas polo tándem PSOE-SUMAR, que a pesares de certas medidas de corte supostamente progresista recollidas no seu recente pacto para o goberno central, non se propoñen desenvolver ningunha política que de verdade combata os altos índices de pobreza que avanzan sin freno debido á alta carestía nos productos e servizos de primeira necesidade, o aumento da especulación e das imposicións dos bancos (que baten récords de beneficios) e a constante perda de poder adquisitivo de salarios e pensións.
Estas consecuencias que recaen sobre o proletariado e as capas populares non son, como o vimos sinalando dende fai tempo, froito dunha «mala xestión» ou dunha «falla de competencias», senón que son o resultado de defender os intereses de todo o entramado de poder da oligarquía xurdida baixo o paraugas da criminal ditadura franquista e da súa herencia, o rėximen do 78: o marco político común que oprime a tódalas nacións e pobos de España e que en efecto é fortemente dependente do imperialismo europeo e dos USA, que cada vez máis impulsan políticas de agresión e guerra.
Fronte á este panorama, caldo de cultivo para a reacción e o fascimo, para lograr a recuperación e a mellora dos nosos dereitos -e a conquista de outros- son vitais a organización e a unidade das loitas obreiras e democráticas nunha fronte común radicalmente oposta aos intereses da burguesía neofranquista e monárquica. En definitiva, hoxe é un imperativo a construcción dun bloque republicano cun programa que recolla e loite por conquistar unha profunda transformación que resolva favorablemente as necesidades e demandas económicas, sociais, laborais, políticas e históricas para a xente do común.
Por todo o exposto, o Comité Galego do PCE (Marxista-Leninista) chamamos nestas eleccións autonómicas a non depositar ningún voto para a dereita reaccionaria, pero non como un fin en si mesmo, xa que sendo necesario que o PP non volte a ostentar o goberno da Xunta, isto tampouco significa (sobre todo pola parte que lle toca ao PSOE) dar paso a unha auténtica alternativa, posto que esta pasa ineludiblemente por lograr a ruptura co rėximen monárquico, o que obriga a traballar pola concienciación e organización de clase, e acumular forzas para a construcción dunha Terceira República Popular e Federativa encamiñada ao Socialismo.