Comité Galego do PCE (m-l)
O PP lamentablemente nos últimos comicios galegos revalida a maioría absoluta no Parlamento autonómico de Galicia, cunha campaña na que escondeu as súas siglas, perdendo uns 57.000 votos en relación ás anteriores autonómicas. O PP é unha maquinaria eleitoral perfectamente «engrasada» os 365 días do ano, apoiándose e apoiada por toda unha serie de resortes e poderes económicos e sociais sólidos, incluida a ideoloxía dominante. O control da información da RTV de Galicia é totalmente desvergonzado, así como do contido dos principais periódicos diarios e determinadas radios. Asemade, dende fai uns anos na súa acción de goberno autonómico veñen destacando unha faciana rexionalista e reivindicativa ante o Goberno Central en materia de investimentos e transferencias económicas.
Tamén hai que suliñar que unha parte de sectores populares, incluidos asalariados/as, teñen asumida a idea de que na situación de permanente crise económica e social na que estamos, o PP é o partido da «recuperación económica», que mal que ben permite aminorar o desemprego ainda que sexa con precariedade laboral.
Pola contra o PSOE aparece para unha parte da poboación como un partido ineficaz para -a pesares das súas promesas- evitar a destrucción de emprego, sin que rentabilice as «bondades» das súa xestión dende o Goberno Central:
ilustrativo desto que dicimos son os resultados nos Concellos afectados polos despidos de Alcoa. Ademais, o PSOE leva anos sin consolidar uhna equipa permanente de dirección política e eleitoral, ata o extremo de que espallóuse a convicción de que por razóns de política estatal, este partido non quere realmente disputar ao PP o Goberno da Xunta de Galicia…
O BNG casi que triplica os votos recibidos e pasa a ser a segunda forza en representación parlamentaria. Como novidade, o seu discurso eleitoral baseuse por primeira vez sobre todo na figura da candidata á presidencia da Xunta e as súa propostas de xestión eficaz das competencias da autonomía e para conquerir máis investimentos dos orzamentos do Estado, deixando en segundo plano a posición soberanista, e sin esquencer un certo tono de reivindicación social antes as consecuencias da pandemia. Este crecemento eleitoral debéuse sobre todo a que sectores que habían votado con ilusión a AGE fai 8 anos e a En Marea fai 4, decidiron que votar ao BNG era a única opción eleitoral seria para enfrontarse ao PP.
Galicia en Común -coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova- perde 219.500 votos e non obtén escaños. O seu fracaso veíase vir polo descrédito no que caeron os seus dirixentes, preocupados sobre todo en asegurase postos nas candidaturas nas diversas citas eleitorais, ignorando cada vez máis (proceso que xa empezou en tempos de AGE) as demandas populares e aos movementos sociais, e sendo tamén exemplo de incoherencia e incompetencia na xestión das Alcadías de grandes cidades que ostentaron e perderon. Querían suplir esas graves carencias coa presencia no actual Goberno do Estado, sobre todo coa Ministra de Traballo, pero esta outra xestión só fixo afondar a desconfianza e o seu descrédito entre a xente traballadora e de esquerdas.
A gravidade do fracaso dese tinglado dirixido por arribistas, oportunistas e incompetentes radica sobre todo en que fan retroceder a idea que se desenvolveu en amplios sectores do pobo de que é imprescindible un proxecto unitario das esquerdas , incluída a de posición nacionalista, para enfrontar con éxito ás políticas de dereitas e socialiberáis e para avanzar na creba do actual réxime.
A agudización da crise capitalista e as gravísimas consecuencias para as xentes traballadoras, a necesidade de enfrontar ao capital, a natureza corrupta e explotadora deste réximen monárquico, son cuestións que non estiveron presentes no discurso das candidaturas de GeC e BNG, salvo para presumir dun presunto «colchón social» aprobado polo Consello de MInistros ou para prometer que dende as limitadas competencias dun goberno autonómico íase procurar a defensa dos sectores productivos do país e evitar máis paro.
Pasada a resaca eleitoral os problemas para o pobo permanecen e como decimos van a peor. Os comunistas de Galicia seguimos a traballar para que as organizacións e persoas de esquerdas, comprometidas só cos intereses dese pobo, avancemos na construcción da fronte de unidade e loita da que falamos na nosa declaración diante destas elecións. Esa fronte debe tamén ter a súa expresión eleitoral, pero dende logo non para convertirse nun apoio do réximen nin para server aos intereses de persoas ou aparellos partidarios que en realidade nunca pensaron nin pensan en avanzar na loita polos profundos e revolucionarios cambios que precisamos conquistar. O Comité Galego do PCE (ml) en consecuencia chama a maioría social, e as bases descontentas con esa esquerda que se di transformadora e simplemente se limita a xestión dos recursos do capitalismo, a pular pola República Popular e o Socialismo.