Comité Galego do PCE (m-l)
Para este 25 de Xullo, Día Nacional da Galiza, varios integrantes do Comité Gallego do PCE (m-l), a nosa mocidade e da Plataforma Galega pola Terceira República démonos cita ás 11 e media na Alameda de Santiago de Compostela e referendamos un manifesto unitario, amplamente difundido entre as miles de persoas que participabamos das tres convocatorias programadas para esta xornada.
A manifestación do BNG foi secundada con maior apoio que anos atrás, en parte porque souberon captar dutante estes meses o descontento producido polos auto denominados procesos de «unidade popular», e doutra banda, porque a estética apelou un pouco máis a cuestións identitarias e o discurso político en xeral achegouse a postulados en teoría máis abertos, ou como diría algúns, «cara ao centro».
Á súa vez, o independentismo saíu aínda máis fragmentado, incluso o que se fai reclamar da praxe marxista. Lamentablemente tras a experiencia unitaria antifascista da que participamos modestamente o ano pasado e que deu algúns froitos, algunhas opcións que apostaran por esta vía agora decidiron pecharse aínda máis, en momentos onde a unidade de acción das forzas que nos reclamamos revolucionarias e/ou rupturistas é cada vez máis necesaria.
Fronte á crise que padecemos a clase operaria do país, e xa o diciamos no noso comunicado: «precisamos construír con urxencia unha alternativa política unitaria, plural e de auténtica esquerda que teña como obxectivo a defensa dous intereses do pobo traballador e que de verdade se propoña liquidar este réxime monárquico ao servizo do capital e conquistar un novo marco político, económico e social de poder popular e democrático».
VIVA O DIA NACIONAL DA GALIZA! HOXE MAIS QUE NUNCA: REPÚBLICA, AUTODETERMINACIÓN E SOCIALISMO!