Comité Galego do PCE (m-l)
Desde o Comité Galego do PCE (m-l) manifestámonos o pasado domingo 6 de Abril na capital galega xunto con miles de persoas por unha sanidade pública convocadas pola Plataforma SOS SANIDADE PÚBLICA. A mesma reinvidica, entre outras medidas, melloras na atención primaria, máis persoal cualificado e a redución das listas de espera, unha situación que se viu agudizada fundamentalmente desde a pandemia.
Aínda que é certo que este proceso de desmantelamento dun servizo público tan esencial como o da saúde foi consolidándose pola nefasta xestión do PPdG na Xunta, a realidade é que a orixe do mesmo provén fundamentalmente daquelas leis privatizadoras (Lei 15/97, Artigo 90 da LGS, etc) impostas polo acordo dos partidos políticos do Réxime do 78 no Parlamento Español. Contra as mesmas organizamos xunto ás compañeiras da Plataforma Republicana e Antifascista, o Encontro Galego contra a OTAN e Traballadorxs Pensionistas un bloque combativo.
O noso Partido, unha vez máis, chama á unidade do pobo traballador contra as políticas capitalistas incapaces de asegurar un presente e un futuro para a maioría social. E neste empeño estaremos ao carón das reivindicacións xustas do proletariado e das clases populares para aseguralas e melloralas.
Por unha sanidade cento por cento pública, de calidade e gratuíta!
Por unha Terceira República encamiñada cara ao Socialismo!!