Comité Galego do PCE (m-l)
O Sábado 24 de Xaneiro se inaugurou nun parque de Ferrol (precisamente no sitio no que estivo o antigo cemeterio e onde máis fusilamentos houbo) o momumento-memorial ás vitimas do franquismo, no que aparecen inscritos os nomes de 904 homes e mulleres asasinados na nosa comarca pola barbarie fascista… e aínda faltan por documentar máis.
Esta iniciativa levaba en marcha varios anos, impulsada por un grupo de persoas que a súa vez loitaran dende o campo político, sindical e social contra a ditadura nos anos 70, sufrindo cárcere varias de elas.
A inauguración estaba prevista facela un ano atrás, pero os atrancos postos polo máis que impresentable anterior alcalde do PSOE, fixo que este acto lamentablemente tivera lugar cun alcalde do PP, quen hábilmente optou por colaborar e participar pero tentando que o mesmo tivera o contido de “reconciliación e perdón”, aproveitando a posición timorata dunha parte da Comisión promotora e a dos grupos municipais de esquerda. Así este alcalde fixo unha intervención no acto, o que nunca tivera que ocurrir, tal e como expresamos numerosos asistentes contestando o seu discurso con berros de “Verdade Xustiza e reparación”, “nin olvido nin perdón”, “O PP ė franquista, non condenou ao franquismo”etc … Pero as intervencións dos representantes da Comisión pro monumento, dos historiadores que investigaron para facer o censo de asasinados/as, e a dos familiares das vítimas (que portaban moitas fotos destas) foron de inequivoca denuncia da criminal dictadura franquista, do terror e da miseria que quedou para as familias e o pobo en xeral, de denuncia da desmemoria que se nos quixo impoñer coa excusa de “non reabrir feridas” para en definitiva impedir que se esixiran responsabilidades ao culpabeis de tanto crimen, de chamar a loitar pola auténtica liberdade e democracia para o pobo, contra o avance do fascismo e da guerra, e con mención a reivindicar a República como futuro, o que foi apoiado con berros de “Viva a República”.
No acto, baixo unha choiva torrencial que só deu momentos de tregua, participamos varios centos de persoas e portamos numerosas bandeiras republicanas, cuias cores tamén estaban nas cintas e nas flores dos moitos ramos depositados ante a escultura (de catro metros de altura) feita desinteresadamente polo escultor Manoel Patinha. Ao final do acto, dende un potente equipo de megafonía aportado polos compañeiros do colectivo Traballadorxs Pensionistas, fixemos soar a Internacional, que foi cantada por parte dos asistentes.
En definitiva, alí estivemos presentes, con firmeza e con espíritu unitario (no que hai que avanzar) moitos/as que temos claro que a mellor homenaxe é continuar a loita pola ruptura coa herencia do franquismo, contra a Monarquía e o Capital, pola República ao servizo do pobo.