Comité Galego do PCE (m-l)
Outro ano máis SOS SANIDADE PÚBLICA convocou o pasado domingo dia 4 de febreiro unha importante manifestación na capital galega baixo o lema: POLA SANIDADE QUE QUEREMOS E MERECEMOS.
Neste contexto de recortes cara ao público en xeral por parte dos gobernos afins ao gran capital as e os pacientes do SERGAS podemos ver deficiencias na atención primaria, longas listas de espera ou a pésima situación nas Residencias dos nosos maiores. Por todo iso e máis, miles de persoas manifestámonos en Santiago de Compostela tras varias concentracións comarcais.
Militantes do noso Partido, xunto coa Plataforma Galega pola Terceira República, participamos formando parte dos cortexos de Traballador@s Pensionistas e do Encontro Galego contra a OTAN, en coherencia coa nosa proposta de fronte común que faga posible as melloras sociais que hoxe son urxentes para a maioría traballadora galega e polo cambio revolucionario.
Tamén aproveitamos esta xornada para difundir un comunicado propio onde entre outras cousas pediamos a derrogación da Lei 15/97 e do Artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade. Aquí, neste punto, empeza a visibilizarse un maior número de colectivos, sindicatos ou partidos políticos empezan a esixir estas medidas fronte ao falso discurso que defende a esquerda institucional de «transferir mais recursos e chegar á Xunta», a realidade é que a privatización da Sanidade no noso país ten un marco estatal ao que combater.
En definitiva, os marxistas leninistas temos a responsabilidade histórica de construír unha alternativa consecuente cos nosos intereses como clase, e neste obxetivo estamos totalmente inmersos.