Comité Galego do PCE (m-l)
Milleiros de persoas démonos cita o 25 de Xullo, día nacional da Galiza, na Alameda de Santiago de Compostela. Desde o Comité Galego do PCE (m-l) estivemos presentes, xunto coas compañeiras da Plataforma Galega pola Terceira República e do Encontro Galego contra a OTAN, acompañando ás persoas asistentes que saían en tres manifestacións distintas, sendo a máis numerosa a do BNG e de reducida asistencia as de carácter independentista.
Pese a dispersión, froito da fragmentación das distintas concepcións do soberanismo galego, este ano notouse unha maior afluencia de xente con respecto ao ano pasado, a pesar da resaca electoral das xerais. A maioría traballadora galega unha vez máis se manifestou polos seus dereitos democráticos e sociais, entre eles o dereito de autodeterminación do noso pobo, e que como dicimos no noso comunicado, amplamente difundido e ben acollido, son ninguneados pola oligarquía, tanto na súa variante chauvinista española como na autonomista galega.
Os marxistas leninistas temos claro que somos a clase obreira do noso país os primeiros interesados en resolver a chamada cuestión nacional dentro da loita estatal pola democracia obreira e o Socialismo e é por iso que sempre que exista unha reclamación democrática e popular estaremos presentes para trazar unha fronte común de loita contra o sistema e o poder do réxime monárquico antagónicos aos nosos intereses.
27 de xullo, Santiago de Compostela