O 27 de Setembro, diante da tumba do noso camarada Xosé Humberto Baena, no cemiterio de Pereiró en VIGO, unhas 200 persoas nos concentramos ás 12 da mañán para rendir homenaxe aos cinco antifascistas asasinados hai 45 anos, para esixir a anulación dos "xuizos" que os condenaron a morte, así como a verdade, xustiza e reparación para todas as vítimas da criminal ditadura franquista. [vídeo]
A prensa local informou con amplitude deste acto, resaltando nas súas crónicas precisamente que 45 anos despois seguimos agardando xustiza, a pesares que os Consellos de Guerra nos que se ditaron as condeas a morte foran unha farsa.
Hai que resaltar o traballo constante dos/as compañeiros/as que forman a Comisión 27 de Setembro e da Asamblea Republicana de Vigo, que permite que este acto de homenaxe teña tódolos anos unha gran repercusión ante a opinión pública e conte cunha nutrida asistencia de persoas.
Ante os presentes leéuse unha carta de Flor Baena, irmá de Xosé Humberto, dirixida á vicepresidenta do actual Goberno para esixir que se declare por Lei a nulidade das condeas a morte do franquismo.
Os compañeiros que interviron resaltaron tamén a necesidade de continuar a loita contra monarquía herdeira do franquismo e por conquistar a República do pobo.
Os asistentes rematamos o acto cantando puño en alto o himno galego e a Internacional.
Comité Galego do PCE (m-l)
Vídeo da homenaxe: https://youtu.be/5Zu0m1LhKbo