Comité Galego do PCE (m-l)
Dende o Comité Galego do PCE (m- l) celebramos o éxito da pasada manifestación unitaria baixo o lema "Galiza pola Liberdade. Contra o fascismo e a ditadura do capital" do 25 de Xullo, día da patria galega, na que participamos. Decenas de militantes da esquerda antifascista e anticapitalista galega marchamos dende a Alameda cara Cervantes, cunha acollida incrible por parte dos comerciantes e transeúntes da zona vella compostelá, que asumiron nosas consignas como propias e secundáronnos coas mesmas.
A nosa militancia, a cal participou no bloque vermello e republicano coas compañeiras da Plataforma Galega pola Terceira República, Cedeira pola Esquerda, PCPE e o Colectivo Republicano de Redondela, ademais de persoas a título individual, foi determinante nunha xornada onde a dispersión de manifestacións e de concentracións foi a tónica xeral.
Esta división profunda nunha data tan sinalada débese a que unha parte da esquerda soberanista galega, no concreto a do independentismo de extracto popular, empeza a asumir que, a diferenza do nacionalismo pequeno burgués hexemonizado polo BNG e o cal se limita a reproducir os esquemas ciudadanistas, para conquistar as reivindicacións democráticas e nacionais do noso país, como pode ser a autodeterminación de Galicia, o imprescindible é romper co Réxime do 78, e esta ruptura só será posible coa unidade das forzas revolucionarias e republicanas tamén de ámbito estatal.
E levámolo demostrando desde o nacemento do noso Partido, fai xa máis de 50 anos, que a unión ao redor dun programa antifascista, antiimperialista e antioligárquico sempre foi nosa prioridade. Por todo iso, chamamos a seguir estreitando os lazos necesarios para facer posible o poder obreiro e popular. Vémonos nas rúas!
Santiago de Compostela, 2 de Agosto do 2021.