Imprimir 

Acudimos outro ano máis ás manifestacións do 25 de Xullo nunha situación de decadente crise económica e política ( e xa van unhas cantas ) do sistema capitalista e do réxime monárquico que o sustenta, cuxas nefastas consecuencias recaen sobre a clase traballadora e os sectores populares.

A pesar das mensaxes triunfalistas dos sucesivos gobernos nacionais e estatais ( cada vez máis reaccionarios ), a perda de emprego, de soberanía e os retallos nos servizos públicos seguen sendo a tónica xeral. Por exemplo o plan de conxelación e recortes nas pensións ( que na Galiza afecta a un cuarto da poboación ) non ten retroceso, como podemos observar nos Orzamentos Xerais do Estado, seguindo as esixentes directrices do complexo imperialista e belicista europeo, e outorgando así máis poder á banca e á gran patronal apátrida, consolidando o dominio destes.

Tamén neste paupérrimo escenario estamos a comprobar ( unha vez máis ) como as receitas dos chamados " partidos da nova política ", non deixan de ser unha mala copia do reformismo máis simplón que sempre cede ante o insaciable neoliberalismo. Cunha dialéctica de aparente radicalidad, seguen colaborando para perpetuar este decadente sistema con concesións de todo tipo, nun afán de oportunismo político sen precedentes dos seus líderes, para vivir comodamente nas súas poltronas sen defender coherentemente os dereitos de quen di representar.

Por todo isto, ante tempos confusos, o labor das e os comunistas, e daqueles que simpatizan cos nosos ideais, é a de organizarnos aínda máis e dar unha resposta unitaria de acción política, impulsando unha fronte antifascista, antiimperialista e antioligárquico, capaz de rachar coas estruturas emanadas dos Pactos da Moncloa e ofrecer para a nación galega, entre outras medidas inmediatas, o seu lexítimo dereito de autodeterminación.

Falamos sen dúbida dunha auténtica suma das forzas revolucionarias, rupturistas e nacionalistas, que pense e actúe en clave galega ( tanto nas rúas como nas institucións ), cun programa de auténtica confrontación contra aqueles que nos levan polos camiños do individualismo e do consumismo voraz.

O Comité Galego do PCE ( Marxista - Leninista ), durante os seus máis de cincuenta anos de infatigable combate, fai hoxe, unha vez máis, un chamamento por construír esa alternativa que nos permita avanzar cara á revolución socialista ( tan necesaria onte coma no presente ), agudizando así as contradicións do propio armazón nado do franquismo, o cal nega de facto os nosos intereses.

Tomemos pois o exemplo dos bolcheviques e conectemos  coas xustas demandas democráticas do proletariado, o estudantado ou o desempregado, sen separalas do inevitable camiño socialista. Este é o maior das homenaxes no centenario da revolución soviética.

NO 25 DE XULLO UNIDADE E LOITA POLO DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN; POLA REPUBLICA POPULAR E FEDERATIVA E POLO SOCIALISMO!!!

Comité Galego do PCE ( m-l )