Imprimir 

O Partido Comunista de España (marxista-leninista) e o Colectivo Revolucionario Benigno Álvarez, para este 25 de xullo, día da patria galega, queremos expresar o seguinte:

1. A crise produtiva, institucional e social, á que nos condena o sistema capitalista de produción, deteriorou as condicións da clase obreira galega, ao igual que no conxunto de nacións e pobos do Estado, grazas á blindaxe da Constitución Monárquica e a un acelerado proceso de centralización impulsado polo bipartidismo, negándonos os principios democráticos mais elementais, como por exemplo o dereito de autodeterminación.

Así pois, a Carta Magna do 78, elaborada por aqueles que desexaban perpetuar no poder aos asasinos fascistas, defende ao neoliberalismo causante do desemprego e a emigración masiva, da precariedade laboral.

2. A pesar do que se promove dende as teses ciudadanistas das direccións de Podemos, ou Esquerda Unida, crendo inocentemente que só co voto pódese cambiar esta situación, a historia mais recente demostrounos que non pode haber unha saída en beneficio da maioría social dentro dun réxime como o actual, emanado da sanguinaria ditadura franquista e co beneplácito dun sector da esquerda, o cal naqueles momentos claudicaba pola Transición.

Polo tanto, os marxistas leninistas cremos que as organizacións revolucionarias e as forzas progresistas temos que camiñar en conxunto, estruturando unha Fronte Ampla, para acumular forzas das distintas tradicións das esquerdas e traballar cara a un proceso constituínte que instaure un modelo republicano, como expresión dun cambio radical baixo os piares da loita antiimperialista, anticapitalista e antifascista. A construción dun contrapoder hexemónico faise urxente en momentos onde a nosa nación está nunha situación insostible.

3. Ese novo poder, democrático popular, do pobo e para o pobo, defenderá sen ningún tipo de exclusión o xusto dereito pola libre determinación, negado por activa e por pasiva dende as institucións públicas controladas pola burguesía monopolista. Isto non se contrapón, ou non debería, a que para nós a solución ás diferentes desigualdades entre territorios estea no federalismo, na unión libre e igualitaria do conxunto dos pobos e nacións que conforman o Estado, nun exercicio de solidariedade proletaria.

4. Como comunistas, e non queremos esquecelo, o noso obxectivo é alcanzar o Socialismo, como transición cara a unha sociedade sen clases, unha sociedade comunista. Só baixo o control dos medios de produción polos traballadores, isto é, liberándonos do xugo da patronal, alcanzaremos plenas liberdades.

Mais, aínda a pesar do que promoven algúns esquerdistas, o Socialismo non pode ir desligado das loitas democráticas e parciais, todo o contrario, teñen que ir xuntos nun proceso ininterrompido cara á plena emancipación. Por iso formulamos como táctica, e nunca como un fin, a acumulación de forzas en torno a unha República Popular e Federativa que de paso cara ao porvir socialista. É o noso obxectivo á fin e ao cabo a ditadura proletaria, onde a maioría ordene sobre unha minoría avariciosa e parasitaria.

5. E resumindo, chamamos a secundar as manifestacións convocadas para esta xornada, organizando un potente bloque obreiro contra o marco político que sustenta a ditadura oligárquica para avanzar nos obxectivos mencionados dende a responsabilidade e a xenerosidade.

UNIDADE E LOITA!
POLA REPÚBLICA, A AUTODETERMINACIÓN E O SOCIALISMO!!