O pasado 4 de Decembro dende a Plataforma Galega pola Terceira República organizamos o acto «Alternativas á Constitución do 78» na Facultade de Dereito da USC, coas intervencións de Carlos Morais (AGORA GALIZA – UNIDADE POPULAR), Xaquín Pastoriza (ANTICAPITALISTAS), Antón Sánchez (ANOVA) e Álvaro Torres (PCE M-L) e a moderación de Nieves Gallego.
Cunha asistencia de 40 persoas aproximadamente, na primeira rolda das intervencións desta palestra plantexábase, en xeral, a necesidade de superar o actual marco do Réxime do 78. A continuación producíronse varios turnos de palabra con interesantes cuestións en torno a unidade das esquerdas, a unión europea ou a apertura de procesos constituíntes. Concluíndo, os convidados fixeron unha quenda final respondendo aos temas plantexados dende os asistentes.
Para a nosa Plataforma, é hora de visibilizar a necesidade da unidade en torno a ruptura democrática, alén das diferenzas que no fondo non son tan irreconciliables. Esperamos que este tipo de actos se repitan con maior asiduidade e sirvan para tender pontes entre as distintas forzas republicanas. Saúde e República!