Comité Galego do PCE (m-l)
Dende a Plataforma Galega pola Terceira República, onde traballamos as camaradas do Comité Galego do PCE (m-l), vimos de participar o venres 31 de Maio no acto que organizamos na cidade olívica xunto coa Asemblea Republicana de Vigo e o portavoz en Galicia do grupo promotor da Marcha Republicana 16X.
Ducias de persoas déronse cita no local da Asemblea Republicana de Vigo -a quenes lle agradecemos o espazo e a súa presenza- interesadas en coñecer de primeira man as nosas propostas en torno a loita antimonárquica xusto no décimo aniversario da abdicación de Xoan Carlos I de Borbón. Neste eido coincidimos os poñentes en que a mesma se produciu nunha situación que permitiu á Casa Real, a cabeza da serpe do capitalismo español, continuar no poder con Felipe VI no cargo do Xefe de Estado sen tan sequera ser referendado polos votos da xente do común.
Tras as intervencións de Celso López e Néstor Sieira, o camarada Álvaro expuxo claramente que fronte á Monarquía e o seu Réxime, o do 78, era necesario articular de forma urxente a coordinación de todas aquelas asembleas ou colectivos republicanos de Galicia, e inclusive a medio prazo a nivel estatal. Un sentir que a maioría das asistentas acolleron como interesante para tratar despois da Marcha Republicana a Madrid nun posible Encontro Republicano a nivel galego.