Imprimir 

10 de Maio: Para o futuro do naval só cabe a República democrática e o Socialismo

Este 10 de Maio, a clase obreira ferrolana, as organizacións sindicais e os partidos das esquerdas, incluídos os revolucionarios agrupados en torno ao Partido Comunista de España (marxista-leninista) e ao Colectivo Revolucionario Benigno Álvarez, sairemos en masa a reclamar solucións ao problema do naval. Unha problemática que afunde na miseria a toda unha bisbarra, bastante castigada xa por unha crise do capital sen precedentes. A cifra do paro en Ferrol ascende ao 35% da poboación, é alarmante e hai que tomar medidas urxentes.

A historia do sector naval no Estado Español é a historia das reconversións forzosas, eliminando extensas superficies de produción como as vascas, de tempadas con moito traballo e doutras de absoluto desemprego. A cuestión de fondo é que ao non chegar carga de traballo, (prometida mil veces tanto polo PSOE coma polo PP) a recolocación dos operarios se fai realmente complicada. Así é como desaparecen miles de forzas produtivas, de empresas auxiliares, froito todo iso das políticas de recortes tanto do goberno nacional, como do estatal e do europeo, que responden exclusivamente ao papel egoísta do mercado privado, e non aos intereses da maioría social.

Ante esta cruenta realidade, debemos de responder con unidade de clase, porque a división, alimentada pola burocracia sindical e o oportunismo de novo cuño, o do " ciudadanismo " ( o cal renega do traballador ou traballadora como suxeito social, e polo tanto, político ), non fai máis que frear o avance dunha auténtica ruptura coas cadeas que nos atan á miseria e desespero, o réxime do 78, o polo imperialista europeo. Os verdadeiros artífices de todo este desastre son eles, cun monarca inepto e non elixido democraticamente á cabeza. O que algúns chaman estafa, en realidade é unha recesión agónica para o conxunto do pobo traballador, a cal nós, as masas de extracto popular, non debemos de pagar, xa que non a xeramos. É hora de tomar as rendas e erguernos ao poder, para asi, frear os seus ataques e responder con plenas garantías ás nosas necesidades.

O futuro do sector industrial, e en concreto o naval, queda en evidencia que non ten cabida dentro do cinismo capitalista, o cal destrúe emprego para salvagardar os luxos de catro papans oligárquicos. Só cun sistema onde os medios de produción estean en mans do obreiro, onde xestionemos nós mesmos a produción para repartir xustamente a riqueza, haberá un porvir para este castigado sector, e outros, por suposto. Loitar pola República Democrática e o Socialismo, esa é a saída, non hai terceiras vías, a pesar do que vociferan os lideres de Podemos e os seus compañeiros de cama ( non existe o capitalismo de rostro humano, un sistema inxusto e desapiadado non é reformable, e diso a historia dános miles de exemplos ). E aquí, nestas liñas, e en todas as manifestacións, reafirmamos o noso compromiso, chamando á organización proletaria e á unidade das esquerdas para combater o inimigo de clase.

SOLUCIÓN REAL PARA O SECTOR DO NAVAL!

UNIDADE PARA GOLPEAR AO UNÍSONO!! POLA REPÚBLICA DO POBO E O SOCIALISMO!!!

Galiza, 5 de Maio do 2015.

Comité Galego do PCE (m-l)
Comité Revolucionario Benigno Álvarez